O carballo mediterráneo[1] (Quercus canariensis), é unha árbore rexa, de até 30 m de altura cando medra en boas condicións, con copa ampla e densa que proxecta unha boa sombra, arredondada ou irregular. Está clasificada na Sección Mesobalanus, onde fican o carballo de Hungría e os seuss parentes de Europa e Asia. Ten os estilos longos; as landras madurecen nuns 6 meses e teñen un sabor agre, o interior das landras teñen pelo. A sección Mesobalanus está estreitamente ligada á sección Quercus (a do carballo veriño) e, ás veces, está incluída na mesma.[2][3]
Tronco dereito, robusto, con casca pardo-agrisada ou cinsenta, rachada en fendas pouco fondas, lonxitudinais e transversais, nos exemplares máis vellos. Franzas novas cubertas de vilosidades. Follas adultas algo coriáceas, moi variábeis segundo a orixe, de 6 a 18 cm, elípticas ou alongadas e con figura de punta de lanza, teñen o bordo festonado, con dentes grosos, pouco profundos e nervios laterais moi pronunciados, pola face inferior, de forma regular case paralelos.
Flores masculinas con envolta de 5 a 7 pezas agrupadas en candeas pénsiles de cor amarela. Os froitos son landras, que nacen solitarias ou en grupos, sobre pedúnculos moi curtos e grosos, con cúpula ou cascabullo de escamas algo desiguais.
Florea por abril ou maio, madurecendo as landras en outubro ou novembro.
Medra nas carricovas, abas avesedas e proximidades dos regueiros, case sempre por baixo dos 500 m, aínda que pode ascender até os 1000 m; sobre solos profundos e frescos, desprovistos de cal ou con este moi lavado, en especial nos desenvolvidos sobre arenitas. Cómpre dun clima suave, sen xeadas frecuentes, e bastante húmido, polo que non adoita se afastar da influencia marítima. Asóciase con frecuencia á sobreira e hibrida con suma facilidade cos caxigos (Quercus faginea), pubescentes (Quercus pubescens) e cos albariñoss (Quercus petraea); con estas dúas últimas soamente no nordés da península ibérica.
Habita no norte de África onde forma bosques de considerábel extensión en Kabylia e de xeito máis fragmentado polas demais montañas do Tell en Alxeria, en Marrocos (Rif e Medio Atlas) e na Península Ibérica; nesta última cunha área moi espallada, pola Cordilleira Litoral catalá, Serra Morena, Montes de Toledo, sur de Portugal e especialmente en Andalucía occidental (Cádiz, Málaga, Sevilla, Huelva), encontrándose as súas mellores forestas nas ladeiras frescas da metade meridional da provincia de Cádiz, no Parque Natural de los Alcornocales.
Sobre a orixe canaria (que ten no nome científico, así coma no nome en portugués (carvalho-das-Canárias) ou inglés (Canary oak), hai varias hipóteses, das cales salientan dúas: Segundo a primeira, o botanista alemán Carl Ludwig Willdenow que a describiu en Berlín, non ollara esta planta no campo; ou el ou o recolector (Broussonet), deberon confundir a etiqueta crendo que fora recolleita nas Illas Canarias. Segundo a segunda hipótese, Carl Ludwig Willdenow non se equivocou e ademais referiuse ás notas de Alexander von Humboldt, que indicou ter visto un Quercus autóctono nas Canarias. Así, queda a posibilidade de que esta árbore existise noutrora neste arquipélago, mais despois desapareceu de alí, mentres que se terían mantido as súas poboacións continentais.
É unha árbore elegante que proxecta unha sombra moi agradábel, polo que se ten cultivado ás veces coma ornamental; a madeira é de boa calidade, axeitada para construcións e apeiros de labranza, así como para queimar e facer carbón.
Quercus canariensis foi descrita por Carl Ludwig Willdenow e publicado en Enumeratio Plantarum Horti Botanici Berolinensis, . . . 975. 1809.[4]
Quercus: nome xenérico do latín para designar os carballos.
canariensis: epíteto xeográfico que alude á súa localización nas Illas Canarias.
O carballo mediterráneo (Quercus canariensis), é unha árbore rexa, de até 30 m de altura cando medra en boas condicións, con copa ampla e densa que proxecta unha boa sombra, arredondada ou irregular. Está clasificada na Sección Mesobalanus, onde fican o carballo de Hungría e os seuss parentes de Europa e Asia. Ten os estilos longos; as landras madurecen nuns 6 meses e teñen un sabor agre, o interior das landras teñen pelo. A sección Mesobalanus está estreitamente ligada á sección Quercus (a do carballo veriño) e, ás veces, está incluída na mesma.
Vista da árbore. Follas e landras. Inflorescencia. No seu hábitat. Follas.