A crista de galo grande[1] (Serapias cordigera) é unha planta herbácea perenne da familia Orchidaceae.
A serapias cordigera presenta o labelo das flores moi ancho e cordiforme, de cor purpúreo, o que a diferenza doutras especies do xénero que teñen o labelo máis estreito. Na parte interior do labelo presenta dúas callosidades diverxentes (a lengüeira, Serapias lingua só presenta unha).
É de talos medianos, de 15 a 50 cm de altura, erectos e delgados, e na base do talo adoitan mostrar manchas de tinguiduras avermelladas.
As follas frecuentemente mostran manchas violáceas e son estreitas, lanceoladas e acanaladas.
Inflorescencia curta, densa, con 2 a 12 flores, relativamente grandes. Os seus tépalos formando un casco pechado, os externos purpúreos, ovado-lanceolados, acuminados, libres no extremo, os internos laterais ovados, con marxe ondulado e moi acuminados.
O labelo cunha constrición central que o divide en dúas partes, unha distal plana dirixida cara abaixo, lingüiforme, ancha e acorazonada, vilosa na zona media, e outra proximal cóncava de igual anchura que a anterior e con dúas callosidades púrpura na base, sen espolón.
Ten o epiquilo ensanchado desde a base, é dicir, con forma acorazonada. As dúas estrías da base do hipoquilo son diverxentes.
Tubérculos ovoides, en número de 3 a 5, sentados ou sobre estolóns.
A floración ten lugar de abril a xuño.
Principalmente nos países mediterráneos occidentais, pero poden alcanzar localizacións tan afastadas cara ó leste coma o sur de Turquía. Atópanse algunhas comunidades no Val dos Pedroches, na Provincia de Córdoba. Tamén se atopa nas Illas Azores e o noroeste de África. En Galicia tamén está presente sendo unha das máis abundantes do xénero das orquídeas.
Vive en chans silíceos, en pradarías húmidas, matogueira alta, en oliveirais, e bosques claros que deixen pasar suficiente luz. Chega a desenvolverse en alturas de até 1.000 msnm. Especie protexida nas Illas Baleares.
Serapias cordigera foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum, Editio Secunda 1345. 1763.[2]
Serapias: nome xenérico de orixe grego que se aplicou antigamente a unha orquídea non identificada con certeza, quizais Orchis morio. Provén dun deus exipcio chamado Serapis en cuxos templos os devotos dedicábanse ós praceres da carne. O nome que Linneo asignou a este xénero quizais se debe a que a algunhas orquídeas atribúenselle efectos afrodisíacos.
cordigera: epíteto latino que significa "con forma de corazón".[3]
A crista de galo grande (Serapias cordigera) é unha planta herbácea perenne da familia Orchidaceae.
Ilustración. Detalle da flor.