Lagenorhynchus obliquidens é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.[2]
É un golfiño moi activo que vive en augas frías e temperadas do norte do océano Pacífico.
A especie foi descrita por Theodore Gill en 1865, na súa obra "On two species of Delphinidae, from California", in the Smithsonian Institution. Proceedings of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia, Sept. 1865: 177-178.[1]
É extremadamente similar morfoloxicamente a Lagenorhynchus obscurus, que habita na parte sur do Pacífico.
Algúns estudos suxiren que serían unha soa especie, pero traballos recentes rexeitan esta hipótese e supoñen que ambas as especies divergxeron hai dous millóns de anos.[3]
A pesar de que tradicionalmente aambas as especies sitúanse no xénero Lagenorhynchus, as últimas análises de ADN indican que están bastante relacionadas coas especies do xénero Cephalorhynchus.
En efecto, aínda que antigamente o xénero estaba considerado como monofilético, na actualidade estudos e análises xenéticas do citocromo b mitocondrial indican que as especies de Lagenorhynchus non constitúen un grupo natural, senón que é parafilético.
Se isto é correcto, significaría que ambas as especies deberían ser transferidas a Cephalorhynchus, ou a un novo xénero.
Un xénero alternativo, Sagmatias, foi proposto por LeDouc .[4][5]
Lagenorhynchus obliquidens ten tres tons de colorido:
A especie ten un tamaño e unha corpulencia intermedia entre os dos individuos do grupo dos golfiños oceánicos.
A súa lonxitude pode chegar até os 2,5 m nos machos e os 2,3 m nas femias.
Os machos adultos pesan uns 200 kg, e as femias, máis de 150.[6]
As femias son maduras aos 7 anos. A xestación dura un ano.
Hai individuos que poden vivir máis de corenta anos.
Son extremadamente activos e mestúranse con moitis outros cetáceos do Pacífico norte. Adoitan acercase ás embarcacións.
Son comúns grupos de até 90 espécimes, e téñense observado supergrupos de máis de 3.000 individuos.
Aliméntanse principalmente de peixes lanterna, anchoas, luras, sardiñas, e pequenos exemplares de pescadas, salmóns e bacallaus.[6]
A área de dispersión desta especie describe un gran arco a través das augas frías e temperadas do Pacífico norte. Non se avistan máis ao sur que o mar da China, polo oeste, e da península de Baixa California polo leste. Poden verse poboacións no mar do Xapón e no mar de Okhotsk. Polo norte, algúns individuos encóntranse ni mar de Bering.
Parece que seguen algún patrón de migración; no leste son moi abundantes nas costas de California en inverno, e no verán, ao norte, nas de Oregón e o estado de Washington.[6]
Unha vez ao ano frecuentan unha temporada as augas profundas.
A poboación total pode ser de máis de 1 millón de individuos.[6]
Até que as Nacións Unidas impuxo en 1993 unha certa restrición á súa captura indirecta, moitos destes golfiños morrían en sistemas de pesca de arrastre. Un estudo estimou a morte de entre 50.000 e 89.000 individuos nun período de doce anos.
En marzo de 2007, un número importante destes animais seguían sendo pescados cada amo por pesqueiros xaponeses. Aínda así, tense a esperanza de que ditas capturas non causen unha ameaza serie á especie.[6]
Lagenorhynchus obliquidens é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.
É un golfiño moi activo que vive en augas frías e temperadas do norte do océano Pacífico.